top of page
 
 
Alba Barreiro
 

Nada en Vigo. Os seus inicios musicais tiveron lugar tomando contacto coas súas raíces galegas a través do baile galego e a pandeireta, na Escola de Lembranzas Galegas de Vigo con tan só 5 anos de idade. Aos 11 anos comezou os estudos de piano. Un ano máis tarde ingresou na ETRAD na especialidade de arpa celta con Rodrigo Romaní. Pouco despois entrou na Orquestra Folk Sondeseu, con quen pisou por primeira vez un escenario profesional no Festival de Ortigueira ós 15 anos de idade. Con esta formación tivo unha longa traxectoria que lle levou a participar en numerosos concertos, festivais internacionais e traballos discográficos.

Con 17 anos, ao rematar na ETRAD, iniciou os estudos de arpa clásica con Céline Landelle, arpista da OSG (Orquesta Sinfónica de Galicia). Entrou pouco tempo despois na OJSG (Orquesta Joven de Galicia) onde tomou os seus primeiros contactos co repertorio sinfónico. Formou parte desta orquestra durante varios anos como arpista principal. Máis adiante completaría os seus estudos superiores de arpa en Musikene (Conservatorio Superior de Música del País Vasco) coas arpistas Frédérique Cambreling, Christine Icart e Elisabeth Colard.

Habitualmente colabora coa Real Filharmonía de Galicia, a Sinfónica de Galicia, a Orquestra Vigo 430 e o Taller Atlántico Contemporáneo, ademais de outros conxuntos do panorama galego. Tamén, grazas ó seu perfil polivalente, compartiu escenario con artistas e agrupacións de diversos estilos como Carlos Núñez, Abraham Cupeiro, Xabier Díaz ou Anxo Lorenzo entre outros.

Como solista estreou a obra Pórtico da Illa de Monteagudo para arpa e orquestra de Juan Durán, no marco do espectáculo O Canto das Illas pola declaración das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade. Interpretando esta mesma obra colaborou no traballo discográfico Atlantic Waters, gravado pola Real Filharmonía de Galicia e publicado en 2021. Tamén actuou como solista con orquestras como a Orquesta Gaos e a Orquesta Vigo 430. Participou en festivais coma o Noia Harp Fest, Música no Claustro, Musika-Música, Festival Internacional de Música y Danza de Granada, Achill International Harp Festival...

En 2020 veu a luz o seu primeiro traballo discográfico en solitario titulado Eixos Cromáticos, froito da súa inquedanza por recuperar e divulgar a música galega. O disco inclúe obras de Andrés Gaos e Jesús Bal y Gay transcritas pola propia Alba Barreiro para arpa soa ou trío de cámara. Actualmente compaxina o seu traballo nos escenarios coa docencia, ademais de formar parte da dirección do Noia Harp Fest.

bottom of page